martes, 28 de marzo de 2017

Apodrecendo no mesmo.

Aos que tememos á parca,
aos que fuximos do esquezo,
aos que buscamos alento entre o escuro.
Non temamos.
Somos fillos da luz e do momento.
Somos eternos no tempo e na memoria.

Non ficarán no baúl dos recordos
os lugares da victoria e da derrota,
do éxito e a decepción,
do sexo e as bágoas,
do furor e a ferida.

E todo seguirá
e nada tamén seguirá
como seguen os ladridos
dos distintos cans,
as mensaxes á deshora
que non das mesmas persoas pero 
si chegarán,
o tac do reloxo que nunca deixará de soar,
as borracheiras desta noite de tequila
e a noite que virá quen sabe se de namoramento ebrio
ou completamente esnaquizado.
Será todo, nada será. Tamén.
Todo muda, nada fica igual. 
E neste rebumbio no que vivimos porque 
nacemos tendo un fin,
nada é o mesmo e todo sempre será igual. 

jueves, 23 de marzo de 2017

Correndo por camiño equivocado.

Definindo os espazos baleiros: os teus, o meu.
Baleiro o meu cuarto cando marchas,
baleiro o vaso cando non está medio cheo.
Baleira a rúa, tan chea de xente.
Atoparse só, tan rodeado. 

Baleiro son cando a decepción me entorpece
tamén baleiras as bágoas que
non me baleiran pero si me enchen. 
Baleiro o verso que tan pouco me place. 

Baleiros os templos sagrados do drama,
baleiro o estado.
Baleiro o paquete de tabaco, cheo de cancro. 
Baleiro de todo, enchido o peito de nada. 
Baleirado cando repouso a vista 
nalgunha perdida mirada. 
Baleira torpe amizade. Baleira, inocua cobardía.
Medo baleiro do baleiro que me asolaga. 

Baleiro despois de foder,
baleiro antes de comer.
Cheo da angustia do non saber. 
Da fraxilidade do ser,
da insoportable levidade do ser,
da anorexia de porqué ser como se é
e non ser outra cousa mellor que ser, ostia, ser. 
Sendo así sen ser doutra forma,
mais baleiro por ser, que sendo,
sen estar cheo de plenamente ser. 
Que peligrosamente leves
son as barrenas do ser. 
Tendo que ser alguén nesta vida,
para esta sociedade
e polo de agora sei
que de baleiro me teño que encher. 




jueves, 16 de marzo de 2017

Si, pero.

Mal nigromante,
vulgar ofrecedor de versos,
adiviño pouco locuaz,
con tres dardos
fallando sen atinar nunca
na diana. 

Non penso en dar estes versos
a quen non os merece. Nunca.
E pobre daquel que faga algo para non merecelos.
Se chega un fallo, as cordas serán cortadas.
Desvalido o contacto.
Esperade a peor da miña merda para vos. 
Non haberá mais poesía. 
E doerá que non a haxa.
Perderase. 
Como xa se deu por perdida
noutras tantas ocasións. 

Xa as pantasmas fuxiron,
mais elas queren de cando en vez
volverme visitar. 
Por se as botaba de menos.
Por se as esquecera. 
Pero é así.
E por moito que 
atalle para enganar á temida
burla que tanto aterra,
esta, ocasionalmente,
quere presentarse diante miña.
E os arrepíos con suor fría
instálanse de novo 
e retumban nas tempas. 


martes, 14 de marzo de 2017

E a roda xira.

Oxalá poder vestirme sempre
cun traxe de ignorancia.
Ignorante rei emperador. 
Resultarme sinxelo vivir
ao marxe da hipocresía
deste sol que impera.
Das folerpiñas que tecen
o contacto entre os coitados humanos. 
Non ver as máscaras que
certos malnacidos levan postas. 

Mais non podo,
non evito non querer levarme sorpresas. 

Vivo polo traballo,
traballo pouco para o que vivo. 
E traballo,
e non vivo
e temo
mais non gozo. 
Ou as veces si.
Pero tamén non. 
E entro e saio das dúbidas
coma se estivese dentro dunha
porta xiratoria. 
Porqué si?
Porque non.
Porqué quizáis si agora
e non mais tarde
e establézome entre e doutrina do ben e do mal
sen saber qué está ben malamente
e qué está mal bondadosamente. 

E primeiro reina a tempestade,
epilogada pola calma,
nun fluxo inconstante 
de camiños sen saída
e prados demasiado chans
e a vida
váiseme entre buses perdidos
para ir ao traballo
e traballo con calma
e café con cigarros nalgunha sucia cafetería. 

jueves, 9 de marzo de 2017

Chegando a brilar iridiscente.

Pintei constelacións no ceo
que me falaron da luz que brilaba
entre as túas pestanas. 
Qué paz de tinte de salubridade
estase recolectando entre as sabas. 
E por unha vez, a tranquilidade
no cuarto e na mente está instalada. 
A calma fronte a necesidade do innecesario
e a simplicitude inexistente dos pasados traumas.

Hai un mar en calma no peito
e bicos marcados na alma. 
No horizonte pérdese o traxecto da vista
e así, o devenir das cousas, importa xa ben nada. 
E tanto ten o paso do tempo
se aínda podo seguir as túas pisadas.
Pintándoo todo de negro,
para así atopar a luz entre as túas brasas,
mais sen esquecer a forza motriz
que me une as túas cadeiras, muller 
-aínda que non o creas- de nobreza dourada.