lunes, 29 de agosto de 2016

Epimeteo non era culpable.

Final.
Que implica beneficio
para os
que virán.
Ciclo sen fin
que nos sitúa
de novo
no principio.

Cambio material
que vai
do terreal ao celestial
transportando
a materia radiante do
Universo ao asfalto.
E viceversa.  

Somos pequenas
caixas de Pandora,
gardando o secreto
universal
ancestral
motor da sístole.
Agardando a 
ser descuberto. 
Porqué non, por tanto,
ser tamén os deuses
os gardiáns 
do tesouro mais 
prezado? 

Pero Pandora, porén,
gárdao todo
dende o pasado ata
o que ven.
Unha boneca matrioshka
que garda, entre outros
moléculas,
buratos negros,
unllas podres,
átomos,
o Amazonas,
plumas de paxaros,
a Torre de Babel,
constelacións,
o OVNI
visto en 1896,
seres humanos.

Non deixo de pensar
que eu mesmo son Pandora
non deixo de pensar
que Pandora, é todo. 
Pero todo,
ás veces
cóbrese coa capa
infinita da nada. 

domingo, 21 de agosto de 2016

Desafaltándote

Camiñaba pola carreteira,
dura e alquitranosa,
non sabía que 
a miraba.
Non sabía que algo
a facía brillar.
O seu cabelo, curto,
deixaba entrever 
pequenos pelos
que bailaban 
ao compás da brisa
que a acompañaba.  

Lembro como a súa 
ollada topou coa miña.
O comezo da lazada
das cordas candentes. 
Entre atronadores claxons
e ouveos de lobos
achegámonos.

O día caeu polo
empuxe temeroso 
e paulatino 
da noite. 
Brillaba aínda mais. 
O teu riso era contaxioso,
a túa mirada, espíame. 
Chegando a descubrir 
a verdade mais oculta
das miñas entrañas. 

Os alucinóxenos
guiaron os nosos pasos
de noite. 
Luces pirotécnicas
fluorescentes
radioactivas e
fugaces
eran o estimulante
para a maxia
ambiental. 
Máxico o momento,
pechados, 
enclaustrados 
na bóveda plástica. 
Aguaceiro tormentoso
envolvíanos. 
Illados da capa
real. 

Volveu un astro radiante 
a alonxarnos do rapto 
do que Morfeo foi causante.

E, sen mais,
despois dunha taza
quente de café,
vin como camiñaba,
por aquela carreteira
unha vez máis. 
Sen que se percatase,
sen que soubese
que a súa beleza brillante 
quedase pendurada 
na miña memoria. 

martes, 2 de agosto de 2016

Pedra/vertixe.

Impotencia
inúndame.
Núblame os sentidos
e éncheme as
entrañas.

Non me podo aferrar a 
nada, nesta ocasión.
Rabioso can síntome.
Doído e atrapallado
escoito cancións
que me traen 
á memoria
unha faciana.
Uns ollos grandes e 
brillantes que
nunca esquecerei.

Que os teño
clavados 
pendurados
estudados
metidos entre 
cella e cella.
E mentres tanto, 
resoa a túa voz
entre as miñas tempas. 
Albergo a túa 
presenza no meu interior.
E aínda así non me chega. 

Sinto nostalxia
moitas noites e días,
da túa presenza
real e material,
de carne e óso 
e non de simples recordos.

Iso é o que de verdade me
retorce por dentro. 
Recorrer ao pasado,
para verte, ulirte,
sentirte preto miña.

E é fodido admitir, que
o único que me queda
de ti
é unha bruma, 
que debuxa o teu corpo.